Dispoñible a versión subtitulada ao italiano de Vértice de Versos

Desde o mes de xaneiro xa está dispoñible Vértice de Versos en dvd coa versión subtitulada ao italiano, sumando así un terceiro idioma diferente ao galego no que se pode gozar do documental. Agora está dispoñible en castelán, inglés e italiano.

O subtitulado en italiano foi promovido polo Centro de Estudos Galegos da Università degli Studi di Perugia e por Marco Paone, que levou a cabo a tradución. Contouse ademais coa colaboración económica da Secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que dirixe Valentín García, para financiar os traballos técnicos do subtitulado.

Con esta nova versión ábrese a posibilidade dunha maior presenza de Vértice de Versos en Italia, tanto en festivais de cine como de poesía, así como naqueles centros de estudo nos que se traballa o estudo da poesía e da lingua galega.

As persoas interesadas na adquisición do dvd coa versión en italiano, deberán facelo constar na tramitación do seu pedido, xa que a tirada de exemplares con esta opción é limitada.

O produtor e director de Vértice de Versos, Carlos Lorenzo, está especialmente agradecido a Marco Paone e ao Centro de Estudos Galegos da Universidà degli Studi di Perugia, polo interese en dispor da longametraxe no idioma italiano, así como polo traballo desinteresado que levaron a cabo para a súa tradución. Agradece ademais a colaboración da Xunta de Galicia para asumir os custos da parte técnica do proceso.

 

carloslorenzo_gal

Ver todas as publicacións