Relatorio “PERFIL E FORMACIÓN DE QUEN PROGRAMA TEATRO” no 1º Congreso Internacional do Teatro Galego (Santiago de Compostela – 2020)
A Academia Galega de Teatro, fundada no ano 2017, levou a cabo do 7 ao 10 de outubro de 2020 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o primeiro Congreso Internacional do Teatro Galego. Presentáronse e debatéronse máis de 50 relatorios, conferencias, informes e comunicacións con expertos e expertas chegados de todo o mundo.
Participei na Comisión Organizadora en representación da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, formei parte do equipo de editores das actas e fun convidado a presentar un relatorio sobre o perfil profesional de quen programa teatro en Galicia, que se transcribe a continuación e que tamén está incluído no libro de actas do congreso editado polo Consello da Cultura Galega:
PERFIL E FORMACIÓN DE QUEN PROGRAMA TEATRO
Carlos Lorenzo Pérez
Técnico de Cultura do Concello de Carral
Secretario da Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural
O público goza do teatro dirixindo a súa atención ás actrices e actores que sobre os escenarios interpretan as obras. Mais ese goce tamén é responsabilidade de múltiples profesionais que non se expoñen ao público, que coas súas habilidades enriquecen e posibilitan o éxito de cada función. A parte artística do teatro precisa da técnica e da de xestión para que cada representación se ofreza ao público do xeito óptimo e se converta nunha experiencia inigualable.
O teatro galego, na súa evolución nestas últimas décadas, viu como as diferentes facetas profesionais que atinxen a unha montaxe escénica se foron especializando grazas á formación e a unhas cada vez maiores esixencias técnicas que requiren un constante proceso de aprendizaxe e actualización. A mudanza da tecnoloxía analóxica á dixital e a continua incorporación de software nos procedementos técnicos, obrigan a unha alta especialización de quen se encarga dos traballos de iluminación, son, escenografía e proxección.
As labores de produción nas compañías teatrais foron derivándose cada vez máis en persoas especializadas que resultaran capaces de optimizar un traballo que navega entre o artístico, o técnico e o empresarial.
Pola súa banda, a evolución da xestión cultural en Galicia foise reflectindo nun numeroso grupo de técnicos de cultura e programadores e programadoras que se atopan coa necesidade de dotarse de coñecementos cada vez máis específicos de artes escénicas para soster programas teatrais que enriquezan socioculturalmente a unha poboación que demanda un lecer de calidade.
Desta gran familia profesional do teatro ímonos referir neste artigo desde o punto de vista da formación, con especial atención nas necesidades aínda non ben atendidas do colectivo de programadoras e programadores do sector público.
Quen programa teatro?
A figura profesional relacionada coa xestión cultural, tal e como a coñecemos hoxe en día, é moi recente, do último cuarto do século XX. E tan ampla como é a propia cultura tamén o é a indefinición da cualificación que debe ter quen exerce esta profesión. As asociacións de profesionais, en Galicia a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, están a traballar coa ansia de que fique definido o mellor posible o perfil profesional deste colectivo, determinando titulacións, formacións complementarias, aptitudes e niveis de responsabilidade do desempeño das súas funcións. Hai que incidir en que esta definición resulta imprescindible no ámbito da administración pública e non tanto no ámbito profesional privado, no que a xestión cultural se está a desenvolver por unha diversidade á que non cabe poñer límites.
Nesta evolución da xestión cultural, cada vez se ten máis clara cal é a figura do programador ou programadora no tecido profesional que atinxe ao teatro. X. Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, indica que:
Dalgún modo está instaurada a idea de que o programador/xestor cultural é un mero mediador, un facilitador entre o creador e os públicos. Porén, sabemos que o seu traballo ten un aquel curatorial na acepción orixinal latina de curare, que significa “facerse cargo”: o xestor debe exercer labores de interpretación, documentación e divulgación das manifestacións artísticas para facelas accesibles aos públicos. O fundamento básico da programación é xerar unha experiencia artística significativa para todos os que a comparten, para o cal é imprescindible un proceso de contextualización da programación.” (Rodríguez 2019: 87)
Dun xeito sinxelo poderíamos definir a figura de quen programa artes escénicas como quen ten a responsabilidade de seleccionar e exhibir espectáculos tendo en conta ao público para o que traballa, o espazo no que se levará a cabo e os recursos cos que dispón. Existen infinidade de matices que están relacionados coa definición antes feita e que condicionan os resultados desta figura profesional. Cuestións que precisan dun coñecemento que ata agora se adquire fundamentalmente a través da experiencia.
Resulta necesario facer un repaso polos diferentes perfís de quen está a escoller espectáculos teatrais para ofrecerllos ao público. Moi lonxe do que se pode prever, non son só os e as profesionais especialistas da programación quen dominan a contratación de espectáculos. Tendo en conta que podemos chamar espectáculos teatrais tanto a obras de gran formato coma a monólogos ou interpretacións de pequeno formato para escolares, o abano de posibilidades de selección son innumerables. Así, podemos atopar escollendo propostas a:
- xestores de redes públicas de programación de ámbito autonómico ou provincial
- programadores ou técnicos de cultura
- profesionais das bibliotecas
- profesorado
- profesionais municipais de áreas alleas á de cultura
- cargos políticos dos concellos
- cargos directivos de asociacións
Expliquemos as circunstancias nas que cada un dos anteriormente citados realizan a tarefa de contratar funcións para o seu público. Por unha banda están aqueles profesionais con responsabilidades a nivel autonómico ou provincial, que se ben non atenden os procesos polo miúdo da exhibición de espectáculos, si son responsables do desenvolvemento de políticas culturais que inciden directamente nas programacións locais. En segundo lugar están as programadoras e programadores. Existe esta figura en centros culturais que habitualmente exerce funcións de dirección da instalación. Moitos destes espazos centran a súa actividade en desenvolver unha programación, polo xeral continua e estable, alternando fundamentalmente concertos musicais con espectáculos teatrais, engadindo nalgúns casos exposicións de arte, cursos, obradoiros e outras actividades. Por outra banda podemos referirnos a técnicos de cultura municipais, que teñen no seu desempeño profesional máis liñas de traballo, desde a intervención sociocultural, pasando pola organización de eventos, ata o deseño de programacións de diferentes manifestacións culturais. Moitos destes profesionais en Galicia dispoñen de instalacións, mais as súas funcións non se restrinxen a un único centro e non exercen funcións entendidas como de dirección ou xerencia.
O persoal que traballa nas bibliotecas públicas leva anos facendo tamén unha labor de selección de espectáculos para os seus usuarios. Son espectáculos de formato pequeno, a maior parte deles deseñados para o ámbito bibliotecario e creados, en moitos casos, por profesionais das artes escénicas. Bibliotecarias e bibliotecarios aproveitan programas da Rede Galega de Bibliotecas, como Ler conta moito, no que se inclúen propostas que pretenden a dinamización da lectura. No catálogo deste programa existen diversas propostas ofrecidas por compañías e profesionais do teatro, adaptadas, a priori, para seren executadas en bibliotecas ou pequenos recintos. Aínda que a finalidade última destes espectáculos sexa a de incentivar a lectura, non hai que esquecer que son propostas escénicas que requiren dunhas condicións de exhibición específicas e que resultan descoñecidas para as profesionais das bibliotecas.
Existe unha oferta teatral que pretende facerse oco nos espazos escolares. Así, en múltiples ocasións, o profesorado de todos os niveis reciben propostas escénicas con suposto valor didáctico e co pretendido obxectivo de consolidar coñecementos incluídos nos currículos escolares. Probablemente a maior oferta neste eido estea relacionada coa lingua e literatura galega. Moitas compañías teatrais aproveitan a celebración das Letras Galegas para producir espectáculos que poidan ter acollida no ámbito escolar. Ante esta oferta, o profesorado exerce de programador de teatro, sen que saiba atender aos criterios esenciais para que a obra teatral poida ser desfrutada e exhibida nas condicións idóneas.
Nos concellos estase a ver, cada vez con máis frecuencia, a intervención de profesionais alleos á cultura na selección e exhibición de espectáculos escénicos. Son profesionais de áreas como as de Servizos Sociais, Normalización Lingüística ou Medio Ambiente, por exemplo, que levan a cabo unha programación de actividades relacionadas coas súas áreas temáticas. Algúns exemplos son a celebración do Día da Muller Traballadora, o Día do Medio Ambiente, o Día da Árbore, a Loita contra a violencia de xénero… Tamén hai espectáculos nos que as compañías resaltan os valores que as obras poden ter para reforzar as mensaxes que se lles pretenden transmitir á cidadanía. E así podemos atopar a estes perfís profesionais atendendo a exhibicións de espectáculos escénicos, descoñecendo os aspectos fundamentais para facelo con éxito.
Mantense tamén nalgúns concellos o hábito de que sexan as persoas que atenden as responsabilidades políticas as que seleccionen espectáculos de artes escénicas. É unha circunstancia que se soe dar en concellos pequenos que carecen de persoal especializado en cultura, ou nalgunhas localidades nas que a parte política considérase capacitada para confeccionar unha oferta axeitada para súa cidadanía, obviando as liñas de traballo profesional. Na meirande parte destes casos, quen contrata déixase abraiar por unha proposta que seguramente estea lonxe de atender as necesidades do público. E probablemente o faga por un prezo inoportuno para a medida do seu municipio e en espazos inadecuados ou mal atendidos.
Xa en menor medida existe un perfil de contratante de teatro que non sempre está formado para facelo dun xeito óptimo. Existen asociacións en Galicia que, con gran entusiasmo e ilusión, tentan en ocasións ofrecer espectáculos teatrais. Ás veces o fan dentro dunha programación más ampla (festas, celebracións de días especiais…). Case sempre carecen de espazos habilitados para as artes escénicas, polo que programan na rúa ou en salas polivalentes con escasa ou nula dotación técnica.
Todos estes perfís son os que se atopan mergullados nos procesos de produción e exhibición de artes escénicas sen que na maior parte dos casos saiban como proceder para que o resultado sexa o axeitado.
E cales poden ser as consecuencias da programación pouco axeitada dun espectáculo teatral? As máis importantes poden ser:
- se o espectáculo non se adapta ás condicións do espazo, dificúltase a súa execución artística e técnica, non sendo capaces de ofrecerlle aos espectadores a función tal e como se concibiu, o que produce unhas expectativas non cumpridas no público e a decepción nos executantes.
- se o espectáculo non se adapta ás idades do público, as expectativas dos espectadores tampouco se verán atendidas ou podémonos atopar con obras que non son comprendidas nin gozadas.
- nas ocasións que unha obra teatral non se adapta ás condicións socioculturais do público do territorio no que exhibe, pódese provocar malestar e frustación nos espectadores.
Estas consecuencias poden derivar nunha maior que é o fracaso na intención da transmisión dunha mensaxe e na perda posterior dun público. Sería un mal resultado no papel que ten a cultura en xeral e as artes escénicas en particular como formadoras da cidadanía, e que debe estar presente dentro da planificación dunha política cultural.
Ante isto hai que preguntarse que é o que debe dominar calquera persoa que nun momento determinado contrata un espectáculo para exhibilo ante o seu público.
Programación para a transformación
Fagamos primeiro unha necesaria reflexión sobre cal é a situación da Cultura en Galicia, antes de abordar o necesario perfil das programadoras e programadores.
No ámbito público é pouco frecuente atoparse políticas culturais sostidas nunha planificación estratéxica. O que debera ser unha obriga para os responsables políticos que ocupan alcaldías e concellerías de Cultura, acaba sendo unha excepción. E en municipios onde resulta máis necesaria a intervención sociocultural (municipios pequenos e rurais que en Galicia son a maioría), o tema da planificación estratéxica da Cultura é inédito. Esta carencia produce, entre moitos outros, os efectos seguintes:
- infraestruturas culturais non axeitadas, ben por resultar excesivas e insostibles, ou ben por escasas ou inexistentes.
- carencia de persoal especializado en cultura, ou no caso de que exista, cunhas funcións e condicións laborais mal definidas e valoradas.
- programacións culturais mal planificadas, carentes de obxectivos de intervención sociocultural e con nulos procesos de avaliación.
Vistos estes efectos, a finalidade da Cultura como elemento de transformación social fica nun último plano. Poderíamos dicir que nunha situación de normalidade, un concello debe contar con persoal cualificado para o bo desempeño do traballo cultural, cunhas instalacións axeitadas aos recursos dispoñibles e aptas para traballar en obxectivos ben definidos para a mellora sociocultural da cidadanía, desenvolvendo programacións e actividades axustadas a unhas liñas de acción. Agás honrosas excepcións, non atopamos esta situación nos concellos galegos. Nos municipios grandes as estratexias de programación atenden xa en maior medida a manter unha oferta de lecer de calidade, a fornecer unha imaxe de marca de cidade, incluso a fins turísticos.
A carencia de planificación estratéxica provoca que as programacións teatrais se convertan, en moitas ocasións, nun feixe de espectáculos que enchen un calendario de actividades culturais sen fíos que tezan unha unidade e que pretendan uns obxectivos definidos. Cando esa oferta ven dada por departamentos alleos ao de Cultura, tentan axustarse a datas específicas co fin de conmemorar, reivindicar ou poñer en valor o tema do día, por exemplo Día do Medio Ambiente.
Co anteriormente dito preténdese aclarar que unha programación de artes escénicas debe ser parte dun proceso planificado de intervención na cidadanía desde o ámbito sociocultural coa intención de mellorala. Teñamos en conta a afirmación “A cultura non é consecuencia do desenvolvemento, é causa.” (Gómez de la Iglesia 2004).
É frecuente que cando nos referimos a cultura, se entenda que o obxectivo na transformación necesaria na cidadanía é simplemente a adquisición de hábitos culturais, que en moitas ocasións rematan relacionándose co consumo de produtos culturais. Esta visión é, cando menos, incompleta, xa que atendendo ao concepto de educación non formal feito por Philip H. Coombs, podemos asegurar que os hábitos culturais forman parte desta categoría, que inciden na formación persoal dos individuos. Lembremos que este autor establece as categorías de educación formal, non formal e informal. Define a non formal como toda actividade organizada, sistemática, educativa, realizada fóra do marco do sistema oficial, para facilitar determinadas clases de aprendizaxe a subgrupos particulares da poboación, tanto adultos coma nenos. A informal defínea como un proceso que dura toda a vida e no que as persoas adquiren e acumulan coñecementos, habilidades, actitudes e modos de discernimento mediante as experiencias diarias e a súa relación co entorno. A formal é aquela asociada ao sistema educativo oficial. Coombs sinala que a educación non formal ou informal nas nacións industrializadas está encamiñada a compensar e complementar as deficiencias do sistema formal da educación para satisfacer, entre outras, a mellora na calidade de vida e enriquecer o lecer.
Quen programa teatro con diñeiro público debe facelo desde estas perspectivas educativas con intencionalidades transformadoras. Fomentar simplemente a compra de entradas para o teatro non supón un avance social. O público ten que percibir que a experiencia sensorial e intelectual que acaba de vivir nunha obra teatral, lle supón un enriquecemento. A cultura debe ter esa condición. A lectura dun libro, a escoita de música ou a contemplación dunha creación artística, entre outras moitas manifestacións culturais, débense converter en colleitas formadoras para o individuo.
Así, traballar desde esa perspectiva non é doado. Supón unha posta en común de moitos factores que case sempre non están coordinados e atendendo a intereses diferentes. Creadores, intérpretes, técnicos, xestores políticos e xestores culturais viaxan na mesma embarcación, mais non todos fixan o mesmo rumbo, producíndose naufraxios, ou cando menos, eternizándose na navegación para non dar chegado nunca ao destino.
Cando nunha situación coma a descrita se engaden persoas non especializadas, os erros son maiores e máis frecuentes.
Funcións de quen programa teatro
Vistas as anteriores consideracións, habería que indicar que non é igual a profesionalidade que se lle debe presupoñer a quen programa de xeito habitual, nun espazo especialmente habilitado para as artes escénicas, de quen o fai de xeito ocasional. O que si debe ser esixible en institucións nas que si se dispón de persoas con coñecementos na materia, é a de artellar mecanismos de traballo que permitan a exhibición de teatro nas mellores condicións posibles e acadando os obxectivos formulados na súa programación. Os e as especialistas en cultura deben colaborar con quen non é profesional na materia, nas tarefas de selección, exhibición e produción.
Como aspectos mínimos que debería considerar quen ocasionalmente ofrece representacións ao vivo, están:
- coñecer as características do espectáculo
- tema e sinopse
- idades ás que se dirixe
- espazo escénico que precisa
- necesidades técnicas (son, iluminación, proxección, maquinaria e potencia eléctrica) que require
- necesidades do espazo da función (posibilidade de escuridade, ventilación, control da iluminación e da acústica da sala, accesos, posibilidades de colocación do público…)
- número de intérpretes
- como se debe colocar o público
- condicións de carga e descarga
- tempo de montaxe e desmontaxe
- necesidades para quen traballa no espectáculo (camerinos, zonas de descanso…)
- coñecer as características do público ao que se dirixe
- idades
- condicións educativas e socioeconómicas predominantes
- anteriores contactos coas artes escénicas
- interese pola cultura
- coñecer as condicións do espazo no que se levará a cabo a representación
- aforo
- dotación técnica
- control da iluminación e a acústica
- accesos para carga e descarga
- accesos do público
- zonas complementarias á escénica (servizos, camerinos, cabinas…)
- medidas de emerxencia e o plan de autoprotección
Hai outros aspectos que tamén deben coñecer, pero quizais se lle presupoñan exclusivamente aos profesionais (medidas para a prevención de riscos específicos para as actividades das artes escénicas, contratación, dereitos de autor…).
Pode parecer que calquera persoa que organiza a representación dun espectáculo ten en conta todos estes factores, pero acotío demóstrase que non é así. Son moitos os fracasos que se producen por situacións tales como:
- as idades do público non se adaptan ao espectáculo
- o espectáculo non se adapta ao espazo (por tamaño, por condicións técnicas, por condicións acústicas, por dificultades na dotación técnica…)
- o tipo de espectáculo non esperta interese no target
- o aforo non é o axeitado
- a comunicación non é a axeitada
Cando un dos obxectivos na programación teatral é a de crear novos públicos, este tipo de erro producen un dano difícil de recuperar, o que suporá un maior esforzo posterior para captar potencial público.
Se este tipo de fallos se producen con público cautivo, nomeadamente escolar, as consecuencias demóstranse máis preocupantes, xa que a intencionalidade do espectáculo vese pervertida pola execución en condicións deficientes e non resoltas por quen o programou.
Cando estes fracasos se producen con espectadores afeitos á oferta de teatro, as consecuencias son diferentes. O público nestes casos soe detectar cales son os fallos e non os relaciona directamente co feito teatral, senón coas condicións nas que quen organiza ofreceu a obra. Ficará cuestionada a selección da obra, máis non a súa calidade. No caso de que se programara coa intencionalidade de transmitir unha mensaxe de concienciación, pode quedar desdebuxada pola desconexión provocada entre espectáculo e público.
Se ben estamos a sospeitar das características de persoas non especializadas en cultura á hora de escoller e exhibir obras teatrais, tamén debemos atender ás condicións que reúnen as programadoras e programadores en Galicia.
Xa adiantamos en páxinas anteriores que a profesión da xestión cultural é recente e que se vai definindo pouco a pouco. A función de programar artes escénicas, como parte da xestión cultural que é, leva un camiño paralelo de definición e de cada vez unha maior capacitación. Ata o de agora, a formación profesional en xestión cultural ten sido diversa e moi pouco adaptada á realidade coa que se atopaba. A capacitación adquiríase en base á experiencia, aos procesos de ensaio-erro e a unha relación con outros colegas, non sempre ben facilitada, na que se compartían experiencias e modelos de intervención. Seguímonos a referir ao ámbito da administración pública, nomeadamente os concellos, nos que desde os anos 80 comezaron a incorporarse técnicos e técnicas de Cultura, devagar e comezando, sobre todo, nos concellos grandes e medianos.
Estes profesionais municipais comezaron a traballar levando a cabo, fundamentalmente, unha labor de dinamización sociocultural moi a pé de rúa co tecido asociativo, cos centros de ensino e cos grupos informais. Os concellos foron dotándose de equipamentos (bibliotecas, casas da cultura, auditorios, escolas de música, danza e folclore, salas de exposicións…), poñendo en marcha novos plans e creando programacións, máis ou menos estables, que lle daban cabida á música, ao teatro, á danza, ao audiovisual… Co paso dos anos, co desenvolvemento dun sector empresarial cultural e cos cambios sociais, que teñen sido profundos nun período moi curto de tempo, estes profesionais pasan a un status máis técnico e de xestión, deixando dun lado as tarefas a pé de rúa. Asumen un rol de deseño, dirección e execución de programas. Na meirande parte dos concellos galegos, este rol supón que unha única persoa está responsabilizada de todos as fases de calquera proxecto cultural, desde a súa concepción ata o detalle máis pequeno da súa realización. Traballan en todos os ámbitos da cultura:
- música
- artes escénicas
- artes plásticas e visuais
- literatura
- audiovisual
- patrimonio
- historia e tradicións locais
- folclore
En boa parte dos casos, teñen que asumir responsabilidades ou participar nos proxectos doutras áreas, tales como:
- turismo
- normalización lingüística
- participación cidadá
- festas
- educación
- mocidade
- deportes
É un abano demasiado amplo de asuntos a atender e para todos debe adquirir coñecementos e desenvolver destrezas, o cal produce unha elevada confusión para poder definir con claridade cal é o perfil profesional co que se debería acceder a este tipo de postos na administración pública.
Patente fica tamén a dificultade que esta situación chega a producir para acadar unha especialización nalgunha das áreas de traballo, por exemplo, na de programación de teatro. Ben é certo que a visión panorámica que chegan a desenvolver, dálles unha perspectiva ampla das dinámicas culturais que lles serve para cubrir eivas puntuais en cada liña de traballo.
Antes de detallar os coñecementos que consideramos necesarios para que unha programadora ou programador realice con solvencia o seu traballo, é necesario indicar que nos imos a referir a profesionais a cargo de centros ou de programacións públicas, que atenden a todos os aspectos da exhibición. Non nos referiremos aos directores artísticos que poidan traballar en festivais, cuxo papel principal é a valoración artística das obras.
Os procesos nos que traballan as programadoras e programadores, podémolos agrupar do seguinte xeito:
- a selección de espectáculos
- a supervisión das instalacións
- os procesos administrativos
- comunicación e venda de entradas
- a montaxe e desmontaxe do espectáculo
- a exhibición do espectáculo
- avaliación.
Para enfrontarse á fase de selección de espectáculos, hai que facelo tendo en conta:
- a calidade artística e os valores de produción da obra, tendo en consideración aspectos como a traxectoria da compañía, da autoría, da dirección e dos intérpretes; o nivel de innovación e de risco artístico, o éxito acumulado polo espectáculo, as críticas…
- a temática da obra, que pode incidir tanto na consecución dos obxectivos da política cultural a desenvolver, como no interese que esperte no potencial público
- o xénero
- o formato, entendido como as condicións escénicas e técnicas que require para a súa exhibición
- o caché, para valorar o encaixe no orzamento dispoñible e nas posibilidades de equilibrio orzamentario considerando a potencial venda de entradas.
Sobre esta fase é de interese salientar o papel que pode xogar quen programa como persoa mediadora entre público e creador. Jaume Colomer, analizando a tendencia á reducción da demanda de consumo de teatro, fai unha reflexión:
“O sector desenvolveu unha magnífica cadea de valor con gran capacidade de produción e distribución de contidos escénicos, pero comportou un notable afastamento entre os creadores e os seus públicos. Os creadores só interactúan cos produtores, estes cos programadores e estes, á súa vez, cos públicos. Entre creadores e públicos non hai contacto, convertímolos en creadores de salón. Percíbese nos creadores un radical cambio de estéticas mentres os creadores de salón seguen coa súa poética e os seus formatos analóxicos. O afastamento leva inevitablemente ao desencontro.” (Colomer 2013: 33)
O programador debe trasladar o feedback dos espectadores aos creadores, así como as tendencias que detecta no seu público. Cada vez é mais frecuente que se dea esa comunicación que resulta útil para autores e compañías.
Ao respecto desta fase de selección de propostas, é interesante ter en conta o que indica Guillermo Heras:
“Un xestor cultural do sector público debe ter unha profunda convicción democrática. Debe saber que “o seu gusto” é só un elemento máis dos varios que debe manexar á hora de confeccionar unha programación, xa que na actualidade, as tendencias nas prácticas culturais son tan amplas e variadas coma os diferentes segmentos de espectadores”. (Heras 2012: 40)
Dirixir as instalacións nas que se desenvolven as programacións é outra función que de cotío asume quen programa teatro nelas. Sobre as instalacións deberá atender:
- a idoneidade do espazo para exhibir os espectáculos seleccionados
- o estado das instalacións que usará o público (zonas de circulación e agarda, patio de butacas, aseos, aparcamento…)
- o estado das instalacións que usará o persoal artístico e técnico do espectáculo (escenario, cabina de controis técnicos, camerinos, aparcamento para o transporte de equipos e escenografías…)
- a disposición do persoal necesario para atender as necesidades dos espectadores (venda de entradas, accesos, persoal de sala, de limpeza, de seguridade…) e da compañía (carga e descarga, técnico de sala…)
- a seguridade, tanto para os espectadores como para as compañías.
Cando os espectáculos se fan na rúa ou noutros espazos menos convencionais, quen programa a función debe supervisar con especial atención estes emprazamentos, tendo en conta que debe garantir a correcta exhibición da obra e a comodidade e seguridade do público.
Unha vez pechada a contratación dun espectáculo, chega o momento de levar a cabo a fase de promoción e venda de entradas. É fundamental saber dar a coñecer a nosa oferta ao público potencial. Haberá que empregar ferramentas de márketing para obter os mellores resultados posibles de impacto e de asistencia de espectadores. Desde a selección da obra teatral, o xestor cultural xa ten que cavilar no deseño da comunicación e dos procesos de venda de entradas. Haberá espectáculos que esixan pouco esforzo de comunicación, e outros que requirirán acudir a todas as técnicas dispoñibles para espertar o interese do público. Os recursos de promoción que se deberán coñecer son:
- o deseño de carteis, folletos e programas: quen programa unha función non pode desentenderse deste apartado, xa que os deseños e estilos de comunicación estarán condicionados polas características do target. Non é igual o deseño dun programa para os abonados dun recinto, que para persoas pouco afeitas a entrar no teatro. As cores, tipografías, imaxes e niveis de información serán distintas en cada caso, e non poden quedar as decisións nas únicas mans de deseñadores ou impresores.
- notas de prensa: cada vez está máis estendido o dispoñer de gabinetes de prensa para realizar estes traballos, mais quen se responsabiliza da programación debe supervisar as notas que se emiten para verificar que se inciden naqueles valores de produción que poden espertar o interese do público, ademais de comprobar que a información a emitir é correcta. Tamén terá que colaborar na disposición de imaxes, vídeos ou posibilidades de contactar con protagonistas que poidan resultar de interese para os medios.
- Publicidade en medios: no caso de elaborar anuncios gráficos para prensa escrita ou cuñas de radio, haberá que supervisar os deseños e contidos.
- Actos de presentación: co obxecto de atraer a atención dos medios de comunicación, en ocasións se organizan actos de presentación dun espectáculo ou dunha programación, coa presenza dos máximos responsables e de artistas que poidan ter interese xornalístico. Se existe gabinete de prensa, estas tarefas son compartidas e quen programa debe supervisalas. Para estes actos, ás veces será necesaria a aplicación de medidas protocolarias, polo que haberá que coñecelas.
- Presentacións en centros escolares, centros de 3ª idade, escolas de teatro…: coa intención de captar novos públicos, en ocasións realízanse visitas ou presentacións con protagonistas dos espectáculos en estes tipos de lugares. No caso de escolas de teatro ou danza, por exemplo, preténdese animar a participación creando un nexo entre alumnado e artistas de referencia partillando experiencias, procesos de creación, incluso facendo unha breve actuación.
- O sitio web: aportará a información útil que busquen os públicos fieis e os primeirizos, permitirá ou enlazará coa venda de entradas (billeteira) e pode servir ademais para recibir comentarios do público e como ferramenta de márketing e para a xestión de audiencias. O seu deseño, navegabilidade e actualización de contidos debe estar supervisado pola persoa responsable da programación.
- Redes sociais: hoxe en día a comunicación xa non se entende sen priorizar as redes sociais. Quen programa debe coñecer as súas dinámicas coa intencionalidade de obter a máxima eficacia comunicativa co seu público.
- Outros medios de difusión: ademais das anteriormente indicadas, existen moitas outras canles para a comunicación. É doado atoparse coa dispoñibilidade de aplicacións para dispositivos móbiles, con boletíns (por correo electrónico) para subscritores, ou con paneis luminosos na rúa, entre outros. De todos terá que ter coñecemento das súas características básicas para o deseño das estratexias de comunicación.
O proceso de venda de entradas xa soe estar más sistematizado, tanto para facelo en billeteira como a través de plataformas online. Aínda así, o programador ou programadora ten que atendelos, sobre todo cando existe venda anticipada, xa que detectar niveis baixos de venda debe supoñer unha reacción na comunicación e na estratexia de prezos ou incentivos.
En boa parte dos concellos galegos, os equipos humanos dos departamentos de Cultura son moi limitados, cando non unipersoais. Isto implica que en moitas ocasións os traballos de descarga, montaxe, desmontaxe e carga debe estar supervisada directamente por quen programa o espectáculo. Noutros casos dispoñen de persoal técnico e de conserxería que atende estas labores. Nestes procesos é importante atender á prevención de riscos laborais e non permitir o desleixo no cumprimento da normativa preventiva. Igual de importante é o facilitar este traballo dispoñendo de maquinaria, mecánica ou manual, para o transporte seguro dos equipamentos, así como ofrecer os medios para evitar que se molle o material se chove nos momentos de descarga e carga.
No caso de montaxes no exterior, hai que engadir ás súas responsabilidades as de verificar o cumprimento das normativas para electricidade, escenarios, estruturas, emerxencias…
Chegado xa o momento da exhibición do espectáculo, debe ser o programador ou programadora quen determine que se está nas condicións idóneas para comezar a función e quen interveña ante incidencias. Valorará a reacción do público ante o espectáculo e se se cumpriron as expectativas. Volvendo sobre as posibles incidencias durante o espectáculo, quen programa debe ser quen teña “previstos os imprevistos” e quen saiba actuar con celeridade e discreción para solucionalos. Serán reaccións coordinadas co persoal técnico e de sala. A experiencia aporta un gran nivel de seguridade e eficiencia na resolución dos incidentes máis habituais durante unha función (subministro eléctrico, avarías no equipamento escénico ou técnico, mal comportamento dalgún espectador…).
Quen se encarga da programación ten consigo unha elevada carga de traballo administrativo. E se é persoal dun concello, aínda máis carga terá. Moitas das programacións están incluídas nas redes de artes escénicas que promove a Xunta de Galicia ou algunhas das deputacións. Estas redes supoñen diversas fases administrativas que coordina o responsable da programación, mais que precisa da participación doutros departamentos. Canto máis necesaria é a intervención doutros especialistas municipais, máis se complica e estende o proceso administrativo. De igual xeito ocorre coa tramitación de subvencións coas que se financian festivais e espectáculos. Son trámites que requiren documentación técnica e administrativa da que se responsabilizan os programadores. A este tipo de procedementos hai que engadirlles os de contratación ou os dos permisos pertinentes, entre outros posibles.
Hai que salientar que a entrada en funcionamento da administración electrónica, que podemos considerar que aínda está nunha fase inicial, está supoñendo unha aprendizaxe de novos xeitos de tramitación, que non sempre resulta doada. Ademais da adaptación que precisan os profesionais da administración pública, tamén resulta obrigatoria para a cidadanía, e no caso que nos atinxe, ás compañías e provedores que participan nas programacións teatrais municipais. A administración electrónica naceu coa intención de facilitar, simplificar e manter a transparencia nos procedementos administrativos, ademais de supoñer un importante aforro de papel e unha sistematización eficaz nos arquivos de documentación. Mais neste primeiro cuarto do século XXI aínda non a podemos considerar como un sistema áxil e atractivo para a cidadanía, que debe ser a principal beneficiaria do novo modelo. Quen programa sofre en moitas ocasións esta situación, que lle chega rebotada por parte de quen aínda non está adaptado ou non domina os novos procedementos, ou desde a propia administración que tenta implantar a ritmo acelerado novos procesos que hai que saber utilizar en tempo récord.
A todo isto engadiremos o manexo de toda a normativa que recae sobre as funcións dos responsables das programacións teatrais. Ademais da lexislación en materia de espectáculos, de dereitos de autor, seguridade e hixiene, medioambientais, protección de datos, laborais… engádense as propias da administración pública, como poden ser as de procedemento administrativo ou a lexislación de contratos. Esta última ten suposto un importante cambio para o concellos, o que se ten traducido en dificultades para as persoas que teñen que confeccionar as programacións. En definitiva, a parte administrativa destes profesionais ten engordado e gañado en complexidade.
Neste ano 2020 tamén se engadiu a dificultade legal de adaptarse ás restricións provocadas pola pandemia do Covid19, con normativa estatal e autonómica que condicionaba directamente a realización dos espectáculos públicos e o manexo de públicos, artistas, técnicos e demais persoal implicado.
Os procesos de avaliación son outra responsabilidade destes profesionais. Se ben é certo que a avaliación está moi descoidada en Galicia, tanto como a planificación estratéxica da que xa fixemos mención, hai dinámicas que ás veces se poñen en práctica para obter uns mínimos de información sobre os resultados obtidos. O máis habitual é a valoración de datos numéricos tales como venda de entradas, número de espectadores, número de funcións programadas, cifras económicas… En ocasións recóllense datos sobre a aceptación dos espectáculos por parte do público dando por resultado unha clasificación das obras que máis gustaron. Mais non é suficiente para poder reorientar ou fixar novas liñas estratéxicas en materia de cultura e de artes escénicas. Cabe salientar ao respecto de datos que se poidan utilizar para a avaliación, aqueles que se obteñen das billeteiras on line, con información persoal de quen interactúa para mercar entradas. En Galicia apenas sabemos de teatros que estean a usar esta información para a toma de decisións nas programacións, mais está a ser unha das facetas da xestión cultural nas que se desenvolven novas ferramentas tecnolóxicas que contribuirán a optimizar os procesos de avaliación, márketing e xestión de audiencias. Quen programa soe coñecer as ferramentas de avaliación, máis non dispón do tempo que require deseñalas e implementalas, e desde a esfera política non se esixen nin se facilitan os recursos para dispoñer delas, polo que acaba sendo unha tarefa esquecida.
A formación para quen programa teatro
Como se pode comprobar, responsabilizarse do traballo de programar teatro require, ademais de dispoñer de sensibilidade pola cultura e o feito creativo, coñecer diversas disciplinas e contar con múltiples aptitudes. Chegar a dominar esta profesión supón formarse en todas elas e mergullarse no mundo das artes escénicas para recoñecer como funciona o sector, cales son os seus mecanismos e ter a visión global que lle aportará solidez profesional ao desempeño deste oficio. Dito isto, coincidimos cunha deducción do informe da enquisa feita no 2015 a xestores de teatros de toda España pola Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de titularidad pública (RETACF):
“A diferenza doutros sectores produtivos nos que prima a xuventude e o nivel de formación, no noso sector accédese ás tarefas de xestión a partir dunha certa acumulación de experiencia (idade). Os traballadores na franxa de 36 a 50 anos son a inmensa maioría (89,6%), ficando un exiguo 10,3% para os traballadores desa idade” (RETACF 2015: 24)
Da mesma enquisa tamén nos parece importante salientar que nos corpos de xestión as traballadoras e traballadores tiñan a percepción sobre o nivel de formación ao incorporarse ao posto, que era pouco axeitada (44,1%) ou nada axeitada (5%). Son datos que nos levan a deducir que moitos acceden a este oficio sen contar coa preparación necesaria. Desta conclusión derívase outro dato relevante: un 40% consideraban “imprescindible” a formación continua e un 50% considerábana “moi importante”. Ao respecto, no infome indícase:
“Unha vez establecidas a importancia da formación continua, observamos que a motivación para a súa realización está directamente vencellada coa actualización de competencias motivadas por mudanzas no contorno, xa sexan estes relacionados cos procesos de traballo, a evolución social ou a emerxencia de novas ferramentas. Acumulan en total o 85,2% das enquisas.” (RETACF 2015: 35)
Ata hai ben pouco formarse para traballar no ámbito da xestión cultural en xeral e das artes escénicas en particular, era difícil xa que apenas existían estudos especializados na materia. Á xestión cultural nos municipios se chegaba desde diferentes niveis formativos, e no caso de estudos universitarios, con especialidades moi diversas (maxisterio, pedagoxía, filoloxías, xeografía e historia, historia da arte, economía, políticas, socioloxía, educación social…). Desde a formación profesional o máis frecuente era acceder con estudos de animación sociocultural. Como é doado supoñer, nestas carreiras apenas existen materias que doten aos titulados dos coñecementos suficientes para defenderse profesionalmente no ámbito da xestión cultural. Observando datos de Galicia publicados no 2007 no Informe das necesidades e demandas formativas dos profesionais da acción cultural pública en Galicia, dunha mostra de 203 profesionais da xestión cultural nos concellos, 178 tiñan formación universitaria, mentres que 25 tiñan formación de niveis inferiores.
Desde hai uns anos a especialización pódese adquirir con novos estudos de posgrao (máster e experto universitario) de xestión cultural, que comezaron a implantarse en Barcelona e Madrid. Anos despois foron espallándose por outras cidades españolas, ata que no 2014 se implantou na Facultade de C.C. Económicas en Empresariais da USC. Mais nestes posgraos a xestión específica das artes escénicas ocupa unha pequena parte dos programas.
Para ofrecer unha formación máis específica para programar teatro existe a opción do posgrao en Produción e xestión de espectáculos e festivais da Universitat de Barcelona. No seu programa dispón dun módulo que podemos considerar como o mellor enfocado á formación de programadoras e programadores, ao que titulan Estratexias de programación e análise de audiencias. Neste módulo abordan, entre outros, os seguintes temas:
- Fundamentos de programación artística: tendencias estéticas e lóxicas de programación
- O proceso de programación e a “caixa negra” dos programadores
- Análise comparada de estratexias de programación de festivais
- Análise comparada de estratexias de programación de equipamentos territoriais
- Cooperación e redes de programación: políticas, axentes, paquetes…
- Estratexias de desenvolvemento de públicos
- Estratexias de empoderamento e desenvolvemento territorial e comunitario
- Residencias artísticas: impulso á creación e desenvolvemento territorial
No estudos de Educación social (grao) e de Animación sociocultural (ciclo superior), o teatro trátase desde unha perspectiva de ferramenta de transformación social. É unha visión necesaria, mais fáltalle o punto de vista desde a xestión, que é outra das que se precisa como xa detallamos con anterioridade.
O ciclo superior de Produción de audiovisuais e espectáculos que se imparten nas Escolas de Imaxe e Son da Coruña, Ourense e Vigo, inclúen os módulos de Planificación e de Xestión de proxectos de espectáculos e eventos, que suman un total de 318 horas. É unha formación que resulta útil no ámbito da programación de espectáculos, mais que tamén resulta incompleta. A deste ciclo é unha formación que está pensada para o traballo en compañías.
A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADG) conta con tres titulacións. A de Dirección escénica e dramaturxia dispón no seu plan de estudos con materias sobre xestión e produción, que ofrecen algúns dos coñecementos que anteriormente debullamos. Tamén contan con temas sobre aspectos técnicos que resultan útiles para o traballo de programación, mais a devandita titulación non está enfocada ao desempeño deste tipo de traballos, senón aos de creación.
O colectivo profesional que está a traballar nos concellos da provincia da Coruña, estase a formar de maneira continua grazas á Deputación da Coruña, que é a única institución que está manter unha mínima oferta formativa que poden aproveitar os xestores e xestoras culturais. Para o ámbito específico das programacións teatrais ten ofertado nos últimos exercicios cursos titulados Xestión e produción de espectáculos ao vivo nas programacións municipais, Aproximación ás infraestruturas e tecnoloxías escénicas e espectaculares de uso en propostas socioculturais e Seguridade e emerxencias en instalacións e actividades socioculturais. Outras accións formativas teñen sido menos específicas para o ámbito teatral, mais resultan de interese para a ampla formación á que nos referimos. Un exemplo deste tipo de cursos é o titulado Fundamentos xurídicos da política cultural municipal, no que se trataron as diversas normativas que afectan á cultura, incluíndo as específicas para o ámbito dos espectáculos.
Hai que salientar que esta formación que ofrece a Deputación da Coruña está a ser a única en Galicia que parte de organismos públicos, xa que a Xunta de Galicia leva anos sen ter cursos neste eido. E de semellante xeito ocorre coas restantes tres deputacións, que si manteñen unha oferta en materia administrativa, informática ou de prevención de riscos (a de Ourense ofreceu un específico para instalacións culturais e deportivas). A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) de xeito esporádico ofrece algunha acción formativa específica para o sector cultural, se ben si que se encarga de cubrir as necesidades formativas en materia administrativa (contratos, subvencións…). No eido da cultura, a FEGAMP ofreceu no ano 2019 un curso dedicado á avaliación.
No ano 2019 a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) iniciou unha liña de formación coa que pretende dar cobertura aos ocos que hai en materia de formación para os profesionais. Así, xa levou a cabo accións formativas en materia de seguridade e plans de autoprotección, sobre financiamento público e privado ou sobre a nova lei de contratos no sector público. No 2020, grazas a un convenio coa Xunta de Galicia provocado pola pandemia e como reactivación do sector cultural, a AGPXC puxo en marcha un plan de formación dixital para o colectivo de xestores culturais, con módulos de interese para a capacitación de profesionais da programación teatral.
A feira anual de teatro Galicia Escena Pro é un espazo e tempo de encontro de programadoras e programadores de toda Galicia no que flúe moita información entre profesionais, atendendo dúbidas, comentando estratexias e novidades. Remata sendo un encontro moi valorado polos asistentes para sentir que melloran nos seus coñecementos profesionais.
En xeral, en Galicia a oferta de formación específica para atender ao perfil de quen programa teatro é escasa, incompleta e mal distribuída xeograficamente. Téñeno máis doado quen traballa nos concellos, xa que teñen acceso ás liñas formativas da Xunta de Galicia, deputacións e FEGAMP. Quen pretende formarse para acceder a un posto de traballo neste campo, teno máis difícil e custoso economicamente, e probablemente non chegue a ser unha formación plena para comezar tendo un emprego programando teatro.
Quedan pasos que dar para solucionar esta situación. Nesa liña están a traballar o propio colectivo de programadores e programadoras e as asociacións estatais de profesionais da xestión cultural, incluída a AGPXC. Definir claramente o perfil, cando menos para traballar na administración pública, é fundamental para dignificar a profesión, para mellorar as funcións que en materia de cultura teñen os concellos, para mellorar os obxectivos formulados no deseño das programacións das artes escénicas e para contribuír eficazmente na mellora das condicións do sistema teatral galego.
Por último, concluír na necesidade de que a exhibición de teatro se faga sempre con criterio e supervisión profesional, contando con especialistas en todas as fases, aínda que a iniciativa parta desde outro tipo de profesionais. A necesidade de colaborar entre compañías, promotores e programadores debe ser a premisa se desexamos acadar os obxectivos formulados e deixar no público unha ansia de voltar a gozar das artes escénicas.
Bibliografía
Rodríguez, X. Paulo (2019): A xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual. Andaravía Editora. 85-91.
Gómez de la Iglesia, Roberto (2005). Actas Interea 2004: A formación na acción cultural local. Deputación Provincial da Coruña. 68-73.
Coombs, Philip Hall (1973). La crisis mundial de la educación. Ediciones Península.
Colomer, Jaume (2013). “La formación y gestión de públicos escénicos en una sociedad tecnológica”. Fundación Autor.
Heras, Guillermo (2012). “Pensar la gestión de las artes escénicas. Escritos de un gestor”. Caseros – RGC Libros.
Resultados de la encuesta sobre la detección de necesidades formativas en los colectivos de gestión y personal técnico v2 (corrección erratas v1). 2015. Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de titularidad pública.
(https://www.redescena.net/redaccion/informeresultadosencuesta2015.pdf)
Pose, Héctor M. (coordinador) (2007). “As necesidades e demandas formativas dos profesionais da acción cultural pública en Galicia”. Xunta de Galicia.
Posgrao en Produción e xestión de espectáculos e festivais da Universitat de Barcelona (http://www.ub.edu/cultural/postgrau-en-produccio-i-gestio-de-festivals-i-espectacles/?lang=es)
López de Aguileta, Iñaki (2000). Cultura y ciudad. Ediciones Trea.
Carr, Eugene e Paul, Michelle (2011) “Rompiedo la quinta pared: marketing para las artes en la era digital”. Ediciones y Publicaciones Autor / Fundación Autor.





Deixa unha resposta