A sección de Cultura da Deputación da Coruña pon en marcha unha programación cultural propia á que denomina 4×3 Outono e da que forma parte o documental «Cardoña fotos a 7 pesetas«.
A acción cultural da Deputación da Coruña desenvólvese fundamentalmente a través de liñas que buscan favorecer os proxectos e iniciativas dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, e por tanto non se centra no desenvolvemento de programación propia. Con todo, no calendario cultural do ano desde a área de Cultura pon en marcha propostas culturais propias vinculadas a datas de referencia (Día do Teatro, Festa da música) ou efemérides culturais.
Esta iniciativa reúne doce propostas artísticas: catro escénicas, catro audiovisuais e catro proxectos musicais cos que imos percorrer a provincia ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro.
No apartado dos documentais ofrece unha escolma de traballos baseados na investigación e a recuperación da memoria individual, como no caso de «Cardoña fotos a 7 pesetas» e «O médico dos pobres», e a memoria colectiva que nos trae a curtametraxe «Lavadoiro«. Tamén abordará o presente amosando a aposta polo futuro do seu país duns cazadores de soños.
«Cardoña fotos a 7 pesetas» presentarase nas localidades de Cambre, Muros, Neda, Vimianzo e Betanzos.
