‘Cardoña fotos a 7 pesetas’ continúa sumando presenza en festivais internacionais de cine. Agora veñen de comunicar a selección para as seccións oficiais do festival Around International Film Awards de Amsterdam e a do Global Independet Film Festival of India, que se leva a cabo en Calcuta. Ámbos os dous son certames que perseguen escoller películas independentes e cun alto nivel de calidade, ofrecendo non só unha programación para os seus públicos, senón facilitando a presenza deste tipo de producións en ámbitos comerciais aos que lles resulta difícil acceder películas modestas e sen o respaldo de grandes produtoras.
O equipo de «Cardoña fotos a 7 pesetas» asume estas seleccións, que de momento xa suman 7, como un éxito do traballo realizado, dado o complexo que é conseguir ser seleccionado en festivais aos que chegan centos ou miles de películas.