Cardoña fotos a 7 pesetas é o segundo documental de Carlos Lorenzo, despois de que no 2018 presentara Vértice de versos. A súa principal actividade profesional é a xestión cultural na administración pública sendo actualmente o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. No artístico ten unha traxectoria como fotógrafo con diversos libros publicados e varias exposicións individuais e colectivas por Galicia.
No ámbito audiovisual estudou Produción na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Conta con experiencia como guionista, en diversas funcións de produción ou como coordinador de dobraxe en curtametraxes de animación como Unha viaxe rodada, Acceso libre e Mellor, viaxar ou en traballos de vídeo industrial.
Neste proxecto xunta as súas múltiples facetas profesionais, creando un documental no que a fotografía é o eixo central, facéndose posible grazas á súa labor creando o arquivo fotográfico de Carral, no que as imaxes tomadas por Cardoña entre os anos 40 e 70 do s. XX son as que alimentan principalmente este repositorio.
Máis información en http://carloslorenzo.gal