Vértice de Versos preséntase no Centro Ágora da Coruña

O auditorio do Centro Ágora da Coruña acollerá a presentación na cidade herculina de Vértice de Versos. Será unha proxección organizada polo departamento de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, na que colabora a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG). Terá lugar o venres 15 de febreiro ás 20:00 h. A entrada é libre ata completar o aforo.

Despois do documental, que será presentado polo seu director e produtor, Carlos Lorenzo, terá lugar un coloquio co público no que participarán, ademais do director, as poetas protagonistas Yolanda Castaño e Emma Pedreira, así como o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello, que tamén participa en Vértice de Versos. A conversa cos asistentes será moderada pola escritora e secretaria da AELG, Mercedes Queixas.

Esta proxección supón a primeira vez que o documental se presenta na Coruña desde que fora estreado en marzo do 2018 en Oleiros.

Estarán presentes na sesión outras escritoras e escritores que interveñen na longametraxe e que residen na Coruña. Así, esta presentación no Ágora converterase nunha festa do audiovisual e da poesía na cidade da Torre de Hércules.

 

carloslorenzo_gal

Ver todas as publicacións
Este sitio web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o tratamento dos teus datos para estes fins.   
Privacidad